«A LINGUA GALEGA» (testemuña dun home que ten moi preto o desexo de coñecela ben)

A LINGUA GALEGA

Muller viva, única, feita de carne e vento,/
corpo de segredo e de nostalxia,/
levas no alento palabras/
que só os corazóns feridos saben descifrar./
Achégome a ti cos ollos erguidos,/
buscando no ceo un xardín de roseiras limpas,/
e traio nos beizos/
un canto nacido no colo da túa estrela./
O rumor da túa pel roza a miña,/
e un pracer antigo, profundo,/
percorre cada recuncho do meu corpo./
Sei que aínda é cedo para falarche/
dun bo guiso/
ou dunha fragua de penas ben traballada./
Mais o meu peito está cheo de queixas doces,/
de soños espidos/
e de quimeras que apenas botan folla./
Estou fronte a ti,/
espido de medo,/
cheo de esperanza,/
coa certeza de que un día tomarás as miñas mans/
e recoñecerás nelas o lume da paixón que me habita./
Por iso desexo que alguén/
—unha muller coma ti—/
queira escoitar,/
no segredo da miña alcoba,/
o branco rumor dunha cantiga ben feita,/
semente viva da nosa terra./
Silencio de mosteiro./
Ninguén me escoita./
Ninguén me fala./
Só o latexar dos teus peitos soñados,/
velados,/
que rozan os meus beizos como caricias de vento./
(José María Máiz Togores)