Miña casa, meu abrigo;/
vanse todos, un a un,/
eu fico sen compaña/
nin amigo ningún./
(José María Máiz Togores)
«NOITES DE VERSOS» (poemas en galego escritos de noite sobre os temas de sempre) (REMATADO)
A POESÍA
A poesía non se escribe,/
escóitase como se escoita/
o mar dentro dunha buguina./
Vive en libros vellos,/
en páxinas dobradas,/
na prosa esquecida que ninguén volve ler./
Habita nos días iguais,/
na chuvia sobre os cristais,/
nos camiños de terra,/
nos recordos que volven sos./
A miña poesía non berra,/
é unha luz acesa nunha casa baleira,/
unha voz baixa que fala coa memoria./
Nace en Madrid,/
pero camiña por Galicia,/
entre néboa, mar e pedra./
Escribo para que o tempo non borre/
do todo o meu paso./
(José María Máiz Togores)
O HOME DA ALAMEDA
Pola Alameda de Santiago,/
cando a tarde vai marchar,/
pasea un vello xubilado/
cos seus recordos por falar./
Vai a modiño entre as árbores,/
sen présa para chegar,/
quen non ten quen o agarde/
ten moito tempo que andar./
Nun banco atopou un home/
que lle preguntou: «Que tal?»/
e o vello baixou os ollos:/
«Vou indo, que non é mal./
Traballei toda unha vida,/
vin os meus anos pasar;/
antes faltábame tempo,/
hoxe sóbrame pra leriar./
Non teño muller na casa,/
nin fillos para chamar,/
só unha radio pequeniña/
que me acompaña ao xantar./
Ás veces falo comigo/
por sentir unha voz soar,/
e outras veño á Alameda/
para ver a xente pasar./
Aquí coñecín amores,/
aquí aprendín a bailar;/
hai bancos que gardan cousas/
que un home non quere riscar./
Agora conto os meus días/
polo sol e polo nadal,/
polas campás de Santiago/
que non paran de soar.»/
O descoñecido escoitaba/
sen saber que contestar;/
e cando o vello calou,/
quedaron os dous a mirar./
«Mañá volverei», dixo o vello,/
«se o tempo deixa pasear;»/
e aquel home respondeu:/
«Pois aquí hei estar.»/
Pola Alameda de Santiago,/
cando a tarde estaba a calar,/
un home que vivía só/
xa tiña con quen trillar./
(José María Máiz Togores)
UN TRIUNFO E MIL DERROTAS
Coa voz vencida/
por mil lendas pretéritas,/
co alento quebrado/
por esta nova ilusión,/
erguín a mirada cara a ti./
E a unción coa túa estrela/
esculpiu na miña nova primavera/
un sen fin de ilusións,/
un sen fin de novas letras,/
que agardo algún día fundamos/
os dous nunha face sen tebras./
(José María Máiz Togores)
O LUME DE MANUEL
Manuel, Manoliño,/
Manuel feito de pura cera./
Quen me dera ser/
o lume que te derretera!/
(José María Máiz Togores)
