«ALGÚNS DATOS CONCRETOS SOBRE A MIÑA VIDA E A MIÑA OBRA» (galego) (non será a derradeira)

ALGÚNS DATOS CONCRETOS SOBRE A MIÑA VIDA E A MIÑA OBRA (1958)

José María Máiz Togores naceu en Santiago de Compostela, cidade de pedra mollada e paciencia antiga. É unha cidade escrita pola chuvia, onde cada pedra parece gardar os pasos daqueles que chegaron de lonxe. É picheleiro, fillo lexítimo dunha cidade que brilla máis baixo a chuvia ca baixo o sol. Santiago non se entende sen paraugas: a pedra húmida, a poalla, as noites de outono e o casco antigo envolto na néboa teñen unha beleza lenta, melancólica e teimuda. O sol non estraga a cidade, pero a chuvia revélaa. Ironicamente, dise que en Compostela son necesarios, polo seu gran tamaño, os paraugas de «sete parroquias».

Veu ao mundo un quince de agosto cun pouco de chuvia na memoria e aprendeu desde o principio que todos os camiños comezan nalgún lugar. E si, chovía. Mentres a familia discutía que nome poñerlle, o padriño evitou a tempo un sonoro Gumersindo e acabou chamándose José María Ramón Santiago.

El, polo visto, manifestábase mediante felices explosións aerofáxicas que o deixaban sorrinte e satisfeito. A cousa comezaba ben.

A súa infancia e adolescencia foron un percorrido por varios colexios madrileños: Agustinos, Estudio, Calderón de la Barca e Cardenal Cisneros. Hoxe dirían del que era inquedo, hiperactivo, con déficit de atención ou un impetuoso emprendedor verbal. Daquela, simplemente parecía incapaz de quedar quieto e calado nun pupitre. Non foi un gran estudante. Talvez por iso, cos anos, acabou sendo un bo profesor. A vida ten un sentido do humor bastante fino.

El mesmo, sen pudor ningún, conta a anécdota de que, con dez anos, falaba tanto na clase que o profesor acabou sentándoo só, ao carón da súa mesa. Non serviu de moito: ao pouco tempo xa lle estaba contando unha aventura a don Luis. Un día, farto de tanta parola, díxolle:

—Ti non necesitas un pupitre, necesitas unha radio.

A clase estoupou en gargalladas. José María tamén. Pero iso non impediu que seguise falando.

De 1988 a 2025 ensinou Lingua e Literatura no prestixioso colexio Jesús-María da rúa Juan Bravo, en Madrid. Alí traballou, explicou, cansou, discutiu, escoitou, gozou, orientou, aprendeu, volveu explicar, motivou, dialogou, corrixiu, avaliou, protexeu, respectou e encamiñou. Alí atopou a súa segunda casa, onde se foi formando, ao mesmo tempo ca os alumnos, como un adulto paciente, sensato e precavido, aínda que moi tímido. E alí confirmou unha sospeita moi certa: moitos malos alumnos acaban sendo bos profesores porque saben exactamente onde pode tropezar cada un.

Educar é gobernar unha barca fráxil: fai falta algo de mariñeiro, algo de pirata, algo de poeta… e moita paciencia. Pero tamén hai que coidar a quen ensina, porque un profesor queimado non transmite lume, senón cinzas. Os alumnos sábeno antes ca ninguén, porque as cinzas non teñen ningunha utilidade na vida.

A literatura chegou a el tarde e con resistencia. Aos catorce anos os clásicos caíanlle das mans. Ninguén llos explicou como el necesitaba ata que, aos quince, no Calderón de la Barca, apareceu dona Pilar, a voz dos clásicos. Despois, cuns anos máis, chegaron Rosalía de Castro, Baudelaire, Vallejo, Bécquer, Rubén Darío, Jaime Gil de Biedma, Pessoa, Pondal, Gabriela Mistral, Valle-Inclán, Juan Ramón Jiménez, Curros Enríquez… e levárono ao poema en verso e ao poema en prosa, territorios enganosos porque neles non hai nada de sinxelo. En distintas etapas da súa vida quedou a vivir nestes xéneros literarios.

O seu galego naceu en dúas leiras familiares: La Peregrina, na Maía, e El Burgo, en Vedra, ao pé do Pico Sacro. Esas foron as súas verdadeiras universidades en moitos ámbitos da vida. Eran veráns interminables, cheos de romarías, baños na praia, milleirais, xogos, ligues, bicos soñados, risas, numerosas feridas e as primeiras saudades ao regresar a Madrid. Eran memorables as discusións familiares sobre o autor dunha novela ou para ver quen tiña razón sobre a posible morte dun determinado personaxe. Bertamiráns tiña daquela trescentos habitantes. Hoxe ten dez mil. José María segue preferindo aquel silencio antigo. Vedra soubo medrar doutra maneira máis apracible.

O galego que o namorou —a súa familia era castelanfalante— non foi o normativo, senón o da aldea: musical, cheo de xiros e de vida. Achegarse ao galego foi aprender unha lingua sen academia, sen normas claras, sen mapa. Talvez por iso o engaiolou tanto.

O seu querido amigo, xa falecido, Víctor García Barba descubriulle a Rosalía de Castro musicada por Amancio Prada: máis auténtica, máis próxima; non aquela Rosalía sensiblera e deprimente da que lle falaran algúns familiares. Amancio Prada dedicou varios traballos a musicar a obra de Rosalía de Castro, sendo o seu álbum máis emblemático Rosalía de Castro, publicado en 1975. E aí houbo un antes e un despois co galego. O galego era a voz da aldea: ulía a terra mollada e sabía nomear o próximo sen erguer a voz.

Utiliza actualmente sete pseudónimos: Camay, Chioleiro, Filoso, Xaovín, Suboebaixo, Tantometén e Sonmeigo. Non é extravagancia: é necesidade. Cada nome é unha voz distinta, unha idade distinta, unha maneira diferente de mirar o mundo.

Camay foi a infancia máis familiar e inocente.

Chioleiro naceu nas romarías, onde había mulleres que vendían produtos caseiros en pequenos postos chamados chiolos.

Filoso herdou o sangue dun familiar ao que apreciaba moitísimo.

Xaovín naceu da inseguridade dunha época que rexeitaba o pasado, pero necesitaba algo orixinal: «xa o vin» en galego.

Suboebaixo resume o seu carácter galego: nunca se sabe se sobe ou se baixa.

Tantometén é liberdade: xa «non me importa nada». Pasa olimpicamente de todo o que lle din.

Sonmeigo é o máis querido, aínda que o menos utilizado, nesta última etapa da súa vida. Quere dicir «son meigo», ese personaxe entrañable do mundo rural galego.

Escribe por moitos motivos, pero, a día de hoxe, escribe para entenderse, para poñer orde na súa memoria desarticulada e para reescribir, desde as súas certezas, unha vida que chegou aos 68 anos.

Ten moitos defectos, pero hai un sublime relacionado coa arte de escribir: corrixe demasiado. Nunca existe unha versión definitiva. Mañá podería escribir outra biografía cos mesmos recordos e cunha estrutura completamente distinta.

A SÚA OBRA: POESÍA EN CASTELÁN

Neste apartado fala dos tres primeiros libros que publicou na década dos noventa. Teñen moitas erratas porque faltou unha última corrección despois de non se sabe cantos cambios. É difícil atopalos: as vendas de segunda man fóronos dispersando e xa non ten ningún control sobre quen os posúe actualmente, se é que aínda os posúe alguén.

Os títulos son os seguintes:

Ya no es duda (Incipit Editores, Madrid, 1994). Neste, o seu primeiro poemario, toca, sente e loita coa palabra e coa imaxe limpa para acadar fragmentos de luz no imaxinario silencioso.

De donde nace mi voz (Ediciones Cardeñoso, Vigo, 1995) é un compendio das súas tres ideas fundamentais na poesía: existencia, amor e soidade. A existencia, para vivir; o amor, para soñar; e a soidade, para reflexionar e crear.

Algunas tardes sentado al bordo de mí (Ediciones Cardeñoso, Vigo, 1997) é un conxunto de poemas no que fala do significado da vida e da morte, sempre co amor pola terra presente.

A SÚA OBRA: POEMAS EN PROSA EN CASTELÁN

Unha vez volatilizados estes tres títulos, talvez tras tres rotundos fracasos alimentados pola súa propia pusilanimidade, pasou uns anos escribindo moi pouco verso. Leu moitos poemas en prosa e dedicouse tamén a escribir prosa en galego, con colaboracións nun xornal compostelán.

Unha indecisión suprema, unha autoestima danada e unha vida desarticulada levárono a escribir unhas ducias de textos que, segundo el, non tiñan calidade ningunha. Hai uns anos, unha amiga levounos á súa casa de campo e queimounos na cheminea. Descansou.

A SÚA OBRA: POESÍA EN GALEGO

Verbas da terra (tamén chamado Quixera verme noutra beira) (Ediciones Cardeñoso, Vigo, 1998) é o seu primeiro libro de poemas en galego. Nel expresa un desexo inmenso de gozar dos praceres dunha terra sempre mollada. A morriña e o paso do tempo únense nunha permanente nostalxia por Compostela e os seus arredores.

Cinzas ó serán (inédito, 2001) recolle os sentimentos que quedan —as cinzas— nun home despois de amar cunha intensidade enorme.

A illa deserta (inédito, 2002) xa non entende de compañías. Nel expresa, con versos breves e ás veces moi ferintes, o que sente un home cando, despois de amar, todo queda reducido ao deserto dunha illa.

Ausencia (inédito, 2003) é a culminación definitiva da soidade no amor. Todo é sufrimento e dor ante a constatación desa soidade no corazón do home. Como di o último verso: «Ausencia / xa non hai río que poidamos cruzar».

A SÚA OBRA: PROSA EN CASTELÁN

El turno de nadie (novela). Eliminada polo autor.

Hatroz (novela). A vida de Rafo novelada por Mon.

A SÚA OBRA: PROSA EN GALEGO

Neste apartado cómpre falar da recompilación das súas colaboracións en O CORREO GALEGO e GALICIA HOXE nos seguintes libros:

Aturuxos (novembro de 1999 a novembro de 2000).

A fala do Chioleiro (novembro de 2000 a abril de 2002).

O Chioleiro (I) (abril de 2002 a maio de 2003).

O Chioleiro (II) (maio de 2003 a xuño de 2004).

O Chioleiro (III) (xuño de 2004 a outubro de 2007).

O Chioleiro (IV) (outubro de 2007 a decembro de 2009).

No verán de 2000, o xornal O CORREO GALEGO tivo a xenerosidade de publicarlle os capítulos dunha novela «rural», Peito de Bronce, na que narraba a vida de Manuel Baliño Castromil, coñecido home da Maía, e facía un percorrido polos costumes e tradicións dos habitantes do mundo rural galego.

No verán de 2002 fixo unha profunda revisión da obra, que acabou convertida nun fermosísimo volume encadernado de trinta capítulos.

Para «difundilos» por diferentes centros educativos do municipio, no ano 2001 a Concellería de Cultura de Ames fixo unha edición limitada de tres destes libros: Aturuxos, Verbas da terra e Peito de Bronce.

O Concello de Vedra, no ano 2005, sacou do prelo un libro chamado Xeografía da ausencia, con textos sobre Vedra e a súa contorna.

Corría o ano 2005 e José María aínda non confiaba os seus documentos a unha memoria externa. Gardábaos nun ordenador que parecía un torpe dinosauro. Estaba convencido de que a el ninguén lle ía atacar o ordenador cun virus. Tampouco entendía moi ben aquilo dos troianos.

Un virus brutal e o seu descoido ao non gardar unha copia fixeron que en 2005 perdese por completo varios dos libros mencionados anteriormente.

Como o ordenador era un pesado trebello de sobremesa, chamou a unha empresa informática para que llo arranxasen. O técnico que foi á súa casa deixóullo ben claro:

—Infectáronlle o ordenador cun virus. Teno infectado. Non gardar os documentos nunha memoria externa é un despropósito e unha metedura de pata. Vou poder salvar moi poucos. Moi poucos.

E así foi. Moitos libros en galego e castelán perdeunos irremediablemente. As malas linguas dixeron que non sentiu mágoa ningunha, que no seu interior esbozou un sorriso burlón porque dubidaba moito da calidade dos seus textos volatilizados.

Despois comezou a súa andaina como blogueiro. Durou varios anos e debeu de resultar insoportable para os lectores que o seguían. Non parou de abrir e pechar blogs durante unha boa tempada. Alguén moi querido bautizouno co alcume de El bloguicida.

Corramos un tupido veo.

Estamos en outubro de 2024 e abre recuncar.com. Hai que recoñecer que lle foi fiel a este blog durante máis dun ano, pero, por motivos que aínda ninguén entende, WordPress.com instouno a pechalo nun prazo breve se non quería perder todo o que tiña alí publicado.

Non lle quedou outra.

Entón púxose a buscar oquintodotempo.com, un dos seus dominios do pasado. Cando parecía que a tranquilidade ía apoderarse del, outro cambio. Como aquel dominio, e outros moitos que intentou recuperar, estaban ocupados, lanzouse a polo que habería de ser o definitivo: josemariamaiztogores.com.

Algunhas persoas presionárono moitísimo para que o cambiase. Dicíanlle que era demasiado longo e demasiado difícil para transmitilo de boca en boca.

E saltamos ao 2026. Gran parte da obra de José María está estruturada no blog de http://www.mientrasdure.com. Entra nel e poderás gozar dela. Entra aquí, http://www.mientrasdure.com, e atoparás, en liñas xerais, este contido:

Neste blog o proceso de incorporación de textos xa comezou, pero non está, nin moito menos, completo. Lento, pero constante.