Amábanse con torpeza,/
como quen aprende a bailar sen música./
Tropezaban,/
pisábanse,/
rían./
Pero bailaban igual,/
desafinados e felices./
Porque o amor non sempre ten ritmo,/
pero si intención./
E na súa desorde atoparon/
a verdadeira harmonía./
(José María Máiz Togores)
«NOITES DE VERSOS» (poemas en galego escritos de noite sobre os temas de sempre) (REMATADO)
ADOLESCENCIA
… e asaltamos/
aquel recolleito recuncho/
coma ramiñas esfolladas/
dun árbore xa vello,/
situando o noso tempo cucado/
nun leito de pétalos de rosa./
Cada chopiño,/
cada memoria adolescente,/
é un salaio a destempo,/
é un ramo de azaleas e hortensias/
berrando saudades e canseiras/
embaixo da velaíña candura/
dunha terra aínda hoxe latente./
(José María Máiz Togores)
AMAR A SOMBRA
Dixéronme/
que un home non escribe/
sobre o corpo da súa amada./
Quedei calado./
Dúbida./
Culpa./
Ata que unha voz/
—unha sombra—/
me falou: non fagas caso./
O meu corpo é para ti./
E entón comprendín:/
escribir tamén é amar./
(José María Máiz Togores)
O AMOR MORRE ONDE COMEZA, A DESHORA
Bandea o corazón/
por un suquiño de chamas de pedra./
Late en batidos/
que esborréxanse/
polo meu carrelo./
Sinto o silencio dunha man deitada/
no meu pensar,/
e un mar de verbas sempre molladas/
pendúrase/
dun meimiño panal de meixelas vermellas./
Xiríns dondos/
na alta cidadela leiran coas campás,/
e gardan,/
maos dadas,/
a fervenza de noso eidiño falar./
Os meus ollos ben te axexan,/
coma se o alma dunha rosa murcha/
establecérase/
no medio da miña baleira lúa./
(José María Máiz Togores)
OS TRENS
El deixouna por medo a perdela./
Ela marchou por medo a quedar./
Dous trens/
que se cruzaron sen deterse,/
con ventás cheas de miradas/
que nunca se atoparon./
O amor pasou como unha paisaxe fugaz,/
fermosa pero imposible de reter./
E na plataforma quedou a historia/
sen destino de dous trens/
que xamais se atoparán./
(José María Máiz Togores)
